xoves, 4 de decembro de 2025

3 DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Esta semana, para conmemorar o Día das Persoas con Discapacidade, o alumnado de 6º de Primaria preparou e realizou contacontos inclusivos para distintas aulas do colexio.

Os nenos e nenas seleccionaron historias que destacan a importancia da diversidade e da empatía, e contáronllas con moita ilusión aos máis pequenos e a outros cursos. Foi unha actividade enriquecedora que nos axudou a reflexionar sobre o respecto, a convivencia e o valor de todas as persoas.

martes, 2 de decembro de 2025

MERCADILLO SOLIDARIO

Como ven sendo habitual por estas datas, na nosa biblioteca poñemos en marcha o Mercadiño Solidario de Libros. Trátase dunha actividade na que unimos lectura e solidariedade, implicando a toda a comunidade educativa na axuda ás familias que máis o precisan.

O funcionamento é moi sinxelo:
➡️ O alumnado e as familias poden traer un paquete ou 1 kg de alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes, leite, conservas…).
➡️ Por cada quilo de alimentos, poderán levar un libro do noso mercadiño.

Todos os alimentos recollidos serán entregados a Cruz Vermella de Ribeira, que se encargará de distribuílos entre as persoas que o necesiten.
 

mércores, 26 de novembro de 2025

MIGALLAS VISITA O NOSO COLE

Co motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o noso colexio tivo a sorte de recibir a visita do grupo Migallas, que nos agasallou coa súa obra “Elas pintan moito”.

A través da música, da narración e do humor, Migallas achegou ao alumnado unha reflexión necesaria sobre a igualdade, o papel das mulleres na historia e a importancia de rexeitar calquera forma de violencia. A posta en escena foi dinámica, divertida e moi participativa, polo que os nenos e nenas gozaron moito da actividade ao tempo que aprenderon valores fundamentais.

Agradecemos ao grupo Migallas o seu traballo e o seu compromiso coa educación en igualdade. Actividades coma esta axudan a construír unha escola máis consciente, respectuosa e libre de violencias.

martes, 25 de novembro de 2025

VÍDEO 25N

PARA VER AS FOTOS PREME AQUÍ

25 N: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


No noso centro conmemoramos o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra a Muller, mediante diferentes actividades nas que participou todo o alumnado.

Hoxe queremos compartir convosco unha pequena mostra do traballo realizado polo alumnado de 5º de Primaria.

Nesta ocasión, partimos da obra O fillo do home, do pintor belga René Magritte, como punto de partida artístico para promover a reflexión, a igualdade e o respecto. A través desta icona do surrealismo, o alumnado reinterpretou a imaxe para transmitir mensaxes de rexeitamento da violencia e de defensa da igualdade.

O resultado foi unha colección de creacións orixinais que convidan a pensar e a continuar construíndo unha convivencia baseada no respecto e na liberdade.